tuxpaint-pencil-sharpener/docs/gl_ES.UTF-8/README.txt
2021-03-09 21:24:49 -08:00

1039 lines
48 KiB
Text
Raw Blame History

This file contains ambiguous Unicode characters

This file contains Unicode characters that might be confused with other characters. If you think that this is intentional, you can safely ignore this warning. Use the Escape button to reveal them.

Tux Paint
versión 0.9.26
Un sinxelo programa de debuxo para cativos
Copyright © 2002-2021 por varios colaboradores; vexa AUTHORS (AUTORES).
http://www.tuxpaint.org/
Marzo 9, 2021
----------------------------------------------------------------------
+---------------------------------------+
|Índice |
|---------------------------------------|
| * Sobre Tux Paint |
| * Uso de Tux Paint |
| * Inicio de Tux Paint |
| * Pantalla de título |
| * Pantalla principal |
| * Ferramentas dispoñíbeis |
| * Ferramentas de debuxo |
| * Outros controis |
| * Carga doutras imaxes en Tux Paint |
| * Máis información |
| * Como obter axuda |
| * Como participar |
+---------------------------------------+
----------------------------------------------------------------------
Sobre Tux Paint
Que é «Tux Paint»?
Tux Paint é un programa de debuxo libre e de balde deseñado para
cativos (3 ou máis anos). Ten unha interface sinxela e doada de usar,
divertidos efectos de son e unha mascota de debuxos animados que axuda
a guiar aos cativos mentres usan o programa. Ofrece un lenzo en branco
e unha ampla variedade de ferramentas de debuxo para axudar ao seu
cativo a ser creativo.
Licenza:
Tux Paint é un proxecto de código aberto, software libre publicado
baixo a licenza pública xeral GNU (GPL). É de balde e o «código fonte»
detrás do programa está dispoñíbel. (Isto permite a outras persoas
engadir funcións, corrixir erros e usar partes do programa no seu
propio software GPL).
Consulte o texto completo da licenza GPL en COPYING.txt.
Obxectivos:
Doado e divertido
Tux Paint pretende ser un sinxelo programa de debuxo para
cativos pequenos. Non está pensado como unha ferramenta de
debuxo de uso xeral. Preténdese que sexa divertido e doado de
usar. Os efectos de son e un personaxe de debuxos animados
permiten que o usuario saiba o que está pasando e o mantén
entretido. Tamén hai formas de punteiro de rato estilo debuxo
animado de gran tamaño.
Ampliabilidade
Tux Paint é ampliábel. Os pinceis e as formas do «selo de
caucho» arrastrarse e soltarse. Por exemplo, un profesor pode
soltar unha colección de formas de animais e pedirlles aos
seus alumnos que debuxen un ecosistema. Cada forma pode ter un
son que se reproduce e datos textuais que se amosan cando o
cativo selecciona a forma.
Portabilidade
Tux Paint é portátil entre varias plataformas informáticas:
Windows, Macintosh, Linux, etc. A interface ten o mesmo
aspecto en todas. Tux Paint funciona adecuadamente en sistemas
antigos e pódese construír para funcionar mellor en sistemas
lentos.
Simplicidade
Non hai acceso directo ás complexidades subxacentes do
computador. A imaxe actual consérvase cando se pecha o
programa e volve aparecer cando se reinicia. Para gardar
imaxes non é necesario crear nomes de ficheiro nin usar o
teclado. A apertura dunha imaxe faise seleccionándoa nunha
colección de miniaturas. O acceso a outros ficheiros da
computadora está restrinxido.
----------------------------------------------------------------------
Uso de Tux Paint
Inicio de Tux Paint
Usuarios de Linux/Unix
Tux Paint debería ter colocado unha icona iniciadora nos seus menús
KDE e/ou GNOME, en «Gráficos».
Como alternativa, pode executar a seguinte orde nun indicador do
sistema (e dicir, «$»):
$ tuxpaint
Se se producen erros, amosaranse no terminal (en STDERR).
----------------------------------------------------------------------
Usuarios de Windows
[Icona de Tux Paint]
Tux Paint
Se instalou Tux Paint no seu computador usando o «Instalador de Tux
Paint», teralle preguntado se quería un atallo no menú «Inicio» e/ou
un atallo de escritorio. Se aceptou, pode executar Tux Paint dende a
sección «Tux Paint» do menú «Inicio» (p. ex.: en «Todos os
programas») ou premendo dúas veces na icona «Tux Paint» do seu
escritorio. se fixo que o instalador colocara un alí.
Se está a usar a versión «portátil» (ficheiro ZIP) de Tux Paint ou
se usou o «Instalador de Tux Paint», pero escolleu non ter
instalados atallos, terá que facer dobre clic na icona
«tuxpaint.exe» no cartafol «Tux Paint» do seu computador.
De xeito predeterminado, o «Instalador de Tux Paint» colocará o
cartafol de Tux Paint en «C:\Program Files\», aínda que é posíbel
que o teña cambiado vostede cando executou o instalador.
Se usou a descarga de «ficheiro ZIP», o cartafol de Tux Paint estará
onde teña extraído o contido do ficheiro ZIP.
----------------------------------------------------------------------
Usuarios de macOS
Simplemente fai dobre clic na icona «Tux Paint».
----------------------------------------------------------------------
Pantalla de título
Cando se cargue por primeira vez Tux Paint, aparecerá unha pantalla de
título/recoñecementos.
[Pantalla de título]
Unha vez completada a carga, prema unha tecla, faga clic ou toque na
xanela de Tux Paint para continuar. (Ou, após aproximadamente 5
segundos, a pantalla do título desaparecerá automaticamente.)
----------------------------------------------------------------------
Pantalla principal
A pantalla principal divídese nas seguintes seccións:
Lado esquerdo: Barra de Ferramentas
A barra de ferramentas contén os controis de debuxo e edición.
[Ferramentas: Pintar, Selo, Liñas, Formas, Texto, Maxia, Etiqueta, Desfacer,
Refacer, Borrador, Novo, Abrir, Gardar, Imprimir, Saír]
Medio: Lenzo de debuxo
A parte máis grande da pantalla, no centro, é o lenzo de
debuxo. Aquí é, obviamente, onde debuxa.
[Lenzo]
Nota: O tamaño do lenzo de debuxo depende do tamaño de Tux
Paint. Pode cambiar o tamaño de Tux Paint empregando a
ferramenta de configuración Tux Paint Config. ou por outros
medios. Consulte a documentación das Opcións para obter máis
detalles.
Lado dereito: Selector
Dependendo da ferramenta actual, o selector amosa cousas
diferentes. p. ex.: cando se selecciona a ferramenta Pincel ou
Liña, amosa os distintos pinceis dispoñíbeis. Cando se
selecciona a ferramenta Selo de caucho, amosa as diferentes
formas que pode usar. Cando se selecciona a ferramenta Texto
ou Etiqueta, amosa varios tipos de letra.
[Selectores: pinceis, letras, formas, selos]
Máis abaixo: Cores
Amosarase unha paleta de cores dispoñíbeis preto da parte
inferior da pantalla.
[Cores: negro, branco, vermello, rosa, laranxa, amarelo, verde, cian, azul,
roxo, marrón, gris]
No extremo dereito hai dúas opcións especiais de cor, o
«selector de cores», que ten o contorno dun contagotas e que
permite recoller unha cor que se atopa dentro do debuxo e a
paleta do arco da vella, que lle permite recoller unha cor
dede dentro dunha caixa que contén milleiros de cores.
(Nota: Pode definir as súas propias cores para Tux Paint.
Consulte a documentación de «Opcións»).
Abaixo de todo: Área de axuda
Na parte inferior da pantalla, Tux, o pingüín de Linux, ofrece
consellos e outra información mentres usa Tux Paint.
(Consello de exemplo: «Escolle unha figura. Preme para marcar o centro, arrastra
e solta cando teña o tamaño que queiras. Move arredor para invertela, e preme
para debuxala.»)
----------------------------------------------------------------------
Ferramentas dispoñíbeis
Ferramentas de debuxo
Ferramenta «Pintar» (pinceis)
A ferramenta Pincel permítelle debuxar a man alzada usando
varios pinceis (escollidos no Selector da dereita) e cores
(escollidos na Paleta de cores cara á parte inferior).
Se mantén premido o botón do rato e move o rato, irá
debuxando a medida que se move.
Mentres debuxa, soa un son. Canto maior sexa o pincel, menor
será o ton.
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta «Selo» (selos de caucho)
A ferramenta Selo é como un conxunto de selos de cacho ou
adhesivos. Permítelle pegar imaxes fotográficas ou debuxadas
previamente (como a imaxe dun cabalo, unha árbore ou a lúa)
na súa imaxe.
Ao mover o rato arredor do lenzo, un contorno segue o rato,
amosando onde se colocará o selo e o grande que será. Prema
para colocar o selo.
Pode haber numerosas categorías de selos (por exemplo,
animais, plantas, espazo exterior, vehículos, persoas,
etc.). Use as frechas esquerda e dereita preto da parte
inferior do selector para percorrer as coleccións.
Antes de «estampar» unha imaxe no seu debuxo, ás veces
pódense aplicar varios efectos (dependendo do selo):
* Algúns selos pódense colorea ou matizar. Se a paleta de
cores baixo o lenzo está activada, pode premer nas
cores para cambiar o ton ou a cor do selo antes de
colocalo na imaxe.
* Os selos poden reducirse e expandirse premendo dentro
da serie de barras de forma triangular na parte
inferior dereita; canto maior sexa a barra, máis grande
aparecerá o selo na súa imaxe.
* Moitos selos poden inverterse verticalmente ou amosarse
como unha imaxe reflectida, usando os botóns de control
na parte inferior dereita.
Diferentes selos poden ter diferentes efectos sonoros e/ou
sons descritivos (falados). Os botóns da área de axuda na
parte inferior esquerda (preto de Tux, o pingüín de Linux)
permiten reproducir de novo os efectos de son e os sons
descritivos para o selo seleccionado nese momento.
(Nota: se está estabelecida a opción «nostampcontrols», Tux
Paint non amosará os controis Reflectir, Virar, Encoller e
Aumentar para os selos. Consulte a documentación de «Opcións
).
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta «Liñas»
Esta ferramenta permítelle debuxar liñas rectas empregando
os diversos pinceis e cores que normalmente emprega co
pincel.
Prema co rato e manteña o botón premido para escoller o
punto de inicio da liña. Ao mover o rato, unha delgada liña
|elástica» amosará onde se trazará a liña.
Solte o rato para completar a liña. Soará un «chimpo».
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta «Formas»
Esta ferramenta permítelle debuxar algunhas formas sinxelas
enchidas e sen encher.
Seleccione unha forma do selector da dereita (círculo,
cadrado, óvalo, etc.).
Use as opcións da parte inferior dereita para escoller o
comportamento da ferramenta de forma:
Formas dende o centro
A forma expandirase dende onde fixera clic
inicialmente e centrarase arredor desa
posición. (Este foi o único comportamento de
Tux Paint ata a versión 0.9.24.)
Formas dende cantos
A forma estenderase cun canto a partir de onde
fixera clic inicialmente. Este é o método
predeterminado da maioría dos outros programas
tradicionais de debuxo. (Esta opción engadiuse
a partir da versión 0.9.25 de Tux Paint.)
Nota: Se os controis de forma están desactivados (p. ex.:
coa opción «noshapecontrols»), non se presentarán os
controis e empregarase o método «formas dende o centro».
No lenzo, fprema co rato e manteña o botón premido para
estirar a forma dende onde fixo clic. Algunhas formas poden
cambiar a proporción (por exemplo, o rectángulo e o óvalo
poden ser máis largos que altos ou máis altos que largos),
outros non (por exemplo, cadrados e círculos).
Solte o rato cando remate de estirar.
Modo de formas normais
Agora pode mover o rato arredor do lenzo para
xirar a forma.
Prema de novo no botón do rato e a forma
debuxarase na cor actual.
Modo de formas simples
Se están activadas as formas simples (p. ex.:
coa opción «simpleshapes»), a forma debuxarase
no lenzo cando solte o botón do rato. (Non hai
ningún paso de rotación.)
----------------------------------------------------------------------
Ferramentas «Texto» e «Etiquetas»
Escolla un tipo de letra (entre as «Letras» dispoñíbeis á
dereita) e unha cor (na paleta de cores preto da parte
inferior). prema na pantalla e aparecerá un cursor. Escriba
un texto e aparecerá na pantalla.
Prema [Enter] ou [Return] e o texto será debuxado na imaxe e
o cursor moverase cara abaixo unha liña.
Como alternativa, prema [Tab] e o texto será debuxado na
imaxe, mais o cursor moverase á dereita do texto, no canto
de baixar unha liña e á esquerda. (Isto pode ser útil para
crear unha liña de texto con cores, tipos de letra, estilos
e tamaños mesturados.)
Ao premer noutro lugar da imaxe mentres a entrada de texto
aínda está activa, a liña de texto actual moverase a esa
posición (onde pode continuar editándoa).
Comparación de «Texto» con «Etiqueta»
A ferramenta Texto é a ferramenta de entrada de
texto orixinal en Tux Paint. O texto
introducido usando esta ferramenta non se pode
modificar nin mover máis tarde, xa que pasa a
formar parte do debuxo. Non obstante, por mor
de que o texto pasa a formar parte da imaxe,
pódese debuxar ou modificar empregando os
efectos da ferramenta Maxia (p. ex.: luxado,
tinguido, realce, etc.)
Ao usar a ferramenta Etiqueta (que foi engadida
a Tux Paint na versión 0.9.22), o texto «flota»
sobre a imaxe e os detalles da etiqueta (o
texto, a posición da etiqueta , a opción de
letra e a cor) almacénanse por separado. Isto
permite recolocar ou editar a etiqueta máis
adiante.
A ferramenta Etiqueta pódese desactivar (p.
ex.: seleccionando «Desactivar a ferramenta
"Etiqueta"» en Tux Paint Config. ou executando
Tux Paint coa opción «nolabel»).
Introdución de caracteres internacionais
Tux Paint permite introducir caracteres en
diferentes idiomas. A maioría dos caracteres
latinos (A-Z, ñ, è, etc.) poden introducirse
directamente. Algúns idiomas requiren que Tux
Paint pase a un modo de entrada alternativo
antes de introducilos e algúns caracteres deben
compoñerse premendo varias teclas.
Cando a configuración local de Tux Paint está
estabelecida nun dos idiomas que fornecen modos
de entrada alternativos, úsase unha tecla para
pasar do modo normal (caracteres latinos) ao
modo ou modos específicos da configuración
local.
A continuación amósanse as configuracións
locais compatíbeis actualmente, os métodos de
entrada dispoñíbeis e a tecla para cambiar ou
alternar su modos. Nota: Moitos tipos de letra
non inclúen todos os caracteres de todos os
idiomas, polo que ás veces ters que cambiar os
tipos de letra para ver os caracteres que tenta
escribir.
* Xaponés — Hiragana romanizado e Katakana
romanizado — tecla [Alt] da dereita
* Coreano — Hangul 2-Bul — tecla [Alt] da
dereita or tecla [Alt] da esquerda
* Chinés tradicional — tecla [Alt] da
dereita ou tecla [Alt] da esquerda
* Tailandés — tecla [Alt] da dereita
Teclado en pantalla
Está dispoñíbel un teclado opcional en pantalla
para as ferramentas de texto e etiqueta, que
pode fornecer unha ampla variedade de deseños e
composición de caracteres (p. ex.: compoñer «a»
e «e» en «æ»). Consulte a documentación de
«Opcións» e a de «Ampliar Tux Paint» para obter
máis información.
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta «Encher»
A ferramenta «Encher» inunda unha área contigua do seu
debuxo cunha cor da súa escolla. Ofrécense tres opcións de
recheo:
* Sólida: prema unha vez para encher unha área cunha cor
sólida.
* Lineal: prema e arrastra para encher a área cunha cor
que se esvae (un gradiente) cara a onde arrastra o
rato.
* Radial: prema unha vez para encher unha área cunha cor
que se esvae (un gradiente) radialmente, centrado no
lugar onde premeu.
Nota: Antes do Tux Paint 0.9.24, esta era unha ferramenta
Máxica (ver máis abaixo). Nota: Antes do Tux Paint 0.9.26,
esta era ferramenta só ofrecia o método de enchido «Sólido».
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta «Maxia» (efectos especiais)
A ferramenta Maxia é realmente un conxunto de ferramentas
especiais. Seleccione un dos efectos «máxicos» no selector
da dereita. Após, dependendo da ferramenta, pode premer e
arrastrar arredor da imaxe e/ou simplemente premer na imaxe
unha vez para aplicar o efecto.
Se a ferramenta pode usarse premendo e arrastrando, estará
dispoñíbel un botón de «pintura» á esquerda, baixo a lista
de ferramentas Maxia na parte dereita da pantalla. Se a
ferramenta pode afectar toda a imaxe á vez, haberá un botón
«imaxe completa» á dereita.
Consulte as instrucións de cada ferramenta Máxica (no
cartafol «magic-docs»).
----------------------------------------------------------------------
Ferramenta de «Goma» (de borrar)
Esta ferramenta é similar ao pincel. Onde queira que prema
(ou prema e arrastre), a imaxe borrarase. (Pode ser branco,
doutra cor ou a unha imaxe de fondo, dependendo da imaxe.)
Hai varios tamaños de goma dispoñíbeis, tanto redondos como
cadrados.
Ao mover o rato, un contorno cadrado segue o punteiro,
amosando que parte da imaxe se borrará a branco.
Ao borralo, reprodúcese un son de borrado «rechiante».
----------------------------------------------------------------------
Outros controis
Orde «Desfacer»
Ao premer nesta ferramenta desfarase a última acción de
debuxo. Vostede pode incluso desfacer máis dunha vez.
Nota: Tamén pode premer [Control] + [Z] no teclado para
Desfacer.
----------------------------------------------------------------------
Orde «refacer»
Ao premer nesta ferramenta refarase a acción de debuxo que
ven de facer co botón «Desfacer».
Mentres non volva debuxar, pode refacer tantas veces como
teña desfeito.
Nota: Tamén pode premer [Control] + [R] no teclado para
Refacer.
----------------------------------------------------------------------
Orde «Novo»
Ao premer no botón «Novo» iniciarase un novo debuxo.
Aparecerá un diálogo no que pode escoller comezar unha nova
imaxe cunha cor de fondo sólida ou usando unha imaxe «de
Inicio» ou «modelo» (ver máis abaixo). Primeiro
preguntaráselle se realmente quere facelo.
Nota: Tamén pode premer [Control] + [N] no teclado para
iniciar un novo debuxo.
Imaxes «de comezo» e de «modelo»
As «imaxes de inicio» poden comportarse como unha páxina
dun libro para colorar: un contorno en branco e negro
dunha imaxe, que logo pode colorar e o contorno negro
permanecerá intacto, ou como unha fotografía en 3D, onde
debuxa entre primeiro plano e a capa de fondo.
Os «modelos» son similares, pero simplemente fornecen un
debuxo de fondo para poder traballar. A diferenza das
«imaxes de inicio», non hai ningunha capa que permaneza no
primeiro plano de nada que debuxe na imaxe.
Cando se usa a ferramenta «Borrador», reaparecerá a imaxe
orixinal da «imaxe de inicio» ou do «modelo». As
ferramentas máxicas «Inverter» e «Espello» tamén afectan á
orientación da «imaxe de inicio» ou do «modelo».
Cando carga unha «imaxe de inicio» ou un «modelo», debuxa
nel(a) e logo preme en «Gardar», crea un novo ficheiro de
imaxe; non sobrescribe o orixinal, polo que pode usalo de
novo máis adiante (accedendo a el dende o diálogo «Novo»).
----------------------------------------------------------------------
Orde «Abrir»
Isto amosa unha lista de todas as imaxes que gardou. Se hai
máis do que pode caber na pantalla, use as frechas arriba e
abaixo na parte superior e inferior da lista para
desprazarse pola lista de imaxes.
Prema nunha imaxe para seleccionala e logo...
* Prema no botón verde «Abrir» na parte inferior
esquerda da lista para cargar a imaxe seleccionada.
(Como alternativa, pode facer dobre clic na icona
dunha imaxe para cargala.)
* Prema no botón marrón «Borrar» (cesta do lixo) na
parte inferior dereita da lista para borrar a imaxe
seleccionada. (Pediráselle que o confirme).
Nota: A partir da versión 0.9.22, a imaxe colocarase
no cesto do lixo do seu escritorio, só en Linux.
* Prema no botón «Exportar» preto da parte inferior
dereita para exportar a imaxe ao cartafol de
exportación. (p. ex.: «~/Pictures/TuxPaint/»)
* Prema no botón azul «Diapositivas» (proxector de
diapositivas) situado na parte inferior esquerda para
ir ao modo de presentación de diapositivas. Vexa
«Diapositivas», a continuación, para máis detalles.
* Prema no botón de frecha vermello «Atrás» situado na
parte inferior dereita da lista para cancelar e
volver á imaxe que debuxaba.
Se escolle abrir unha imaxe e o seu debuxo actual non foi
gardado, preguntaráselle se quere gardala ou non. (Vexa
«Gardar» a continuación).
Nota: Tamén pode premer [Control] + [O] no teclado para
activar o diálogo «Abrir».
----------------------------------------------------------------------
Orde «Gardar»
Isto garda a súa imaxe actual.
Se non o gardou antes, creará unha nova entrada na lista de
imaxes gardadas. (é dicir, creará un novo ficheiro)
Nota: Non lle pedirá nada (por exemplo, un nome de
ficheiro). Simplemente gardará a imaxe e reproducirá un
efecto de son «obturador de cámara».
Se xa gardou a imaxe antes, ou esta é unha imaxe que acaba
de cargar coa orde «Abrir», primeiro preguntaráselle se
quere gardar sobre a versión antiga ou crear unha nova
entrada (un novo ficheiro).
Nota: Se foron estabelecidas as opcións «saveover» ou
«saveovernew», non preguntará antes de gardar. Vexa a
documentación de «Opcións».
Nota: Tamén pode premer [Control] + [S] no teclado para
gardar.
----------------------------------------------------------------------
Orde «Imprimir»
Prema neste botón e imprimirase a súa imaxe.
Na maioría das plataformas, tamén pode manter premida a
tecla [Alt] (chamada [Opción] en Mac) ao premer no botón
«Imprimir» para obter unhja caixa de diálogo coa impresora.
Teña en conta que isto pode non funcionar se está a executar
Tux Paint en modo de pantalla completa. Vexa a continuación.
Desactivar a impresión
Pódese estabelecer a opción «noprint», que
desactivará o botón «Imprimir» de Tux Paint.
Vexa a documentación de «Opcións.
Restrición da impresión
Pódese estabelecer a opción «printdelay», que
só permitirá imprimir ocasionalmente, cada
tantos segundos, segundo o configure vostede.
Por exemplo, con «printdelay=60» no ficheiro de
configuración de Tux Paint, a impresión só pode
producirse unha vez por minuto (60 segundos).
Vexa a documentación de «Opcións.
Ordes de impresión
(Só Linux e Unix)
Tux Paint imprime creando unha representación
PostScript da imaxe e envíaa a un programa
externo. De xeito predeterminado, o programa é:
lpr
Esta orde pódese cambiar axustando unha opción
«printcommand» no ficheiro de configuración de
Tux Paint.
Pódese invocar unha orde de impresión
alternativa mantendo premida a tecla «[Alt]» ao
premer no botón «Imprimir», sempre que non
estea en modo de pantalla completa, execútase
un programa alternativo. De xeito
predeterminado, o programa é o diálogo de
impresión gráfica de KDE:
kprinter
Esta orde pódese cambiar axustando unha opción
«altprintcommand» no ficheiro de configuración
de Tux Paint.
Vexa a documentación de «Opcións.
Axustes de impresión
(Windows e macOS)
De xeito predeterminado, Tux Paint simplemente
imprime na impresora predeterminada cos axustes
predeterminados cando se preme o botón
«Imprimir».
Non obstante, se mantén premida a tecla [Alt]
(ou [Opción]) mentres preme no botón
«Imprimir», sempre que non estea en modo de
pantalla completa, aparecerá o diálogo da
impresora do seu sistema operativo no que
poderá cambiar os axustes.
Pode gardar os cambios na configuración da
impresora entre as sesións de Tux Paint
axustando a opción «printcfg».
Se se usa a opción «printcfg», os axustes da
impresora cargaranse dende o ficheiro
«printcfg.cfg» no seu cartafol persoal (ver a
continuación). Calquera cambio tamén se gardará
alí.
Vexa a documentación de «Opcións.
Dialogo de opcións da impresora
De xeito predeterminado, Tux Paint só amosa o
diálogo da impresora (ou, en Linux/Unix,
executa «altprintcommand»; p. ex.: «kprinter»
no canto de «lpr») se se mantén premida a tecla
[Alt] (ou [Opción]) ao premer no botón
«Imprimir».
Non obstante, este comportamento pódese
cambiar. Pode facer que o diálogo da impresora
apareza sempre usando «--altprintalways» na
liña de ordes ou «altprint=always» no ficheiro
de configuración de Tux Paint. Pola contra,
pode evitar que a tecla [Alt]/[Opción] teña
ningún efecto empregando «--altprintnever» ou
«altprint=never».
Vexa a documentación de «Opcións.
----------------------------------------------------------------------
Orde «Diapositivas» (en «Abrir»)
O botón «Diapositivas» está dispoñíbel no diálogo «Abrir».
Pode usarse para reproducir unha animación sinxela dentro de
Tux Paint ou un diaporama. Tamén pode exportar un GIF
animado baseado nas imaxes escollidas.
Escolla de imaxes
Cando entra na sección «Diapositivas» de Tux
Paint, amosase unha lista dos seus ficheiros
gardados, do mesmo xeito que o diálogo «Abrir».
Prema en cada unha das imaxes que quere amosar
nun diaporama ao modo de presentación de
diapositivas, unha por unha. Aparecerá un
díxito sobre cada imaxe, indicándolle en que
orde se amosarán.
Pode premer nunha imaxe seleccionada para
desmarcala (sacala do diaporama). Prema de novo
se quere engadila ao final da lista.
Estabelecer a velocidade de reprodución
Pódese usar unha escala desprazábel na parte
inferior esquerda da pantalla (xunto ao botón
«Reproducir») para axustar a velocidade do
diaporama ou do GIF animado, de máis lenta a
máis rápida. Escolla o axuste máis á esquerda
para desactivar o avance automático durante a
reprodución dentro de Tux Paint; terá que
premer unha tecla ou facer clic para ir á
seguinte diapositiva (ver a continuación).
Nota: O axuste máis lento non avanza
automaticamente entre as diapositivas. Úseo
para cando queira percorrelas manualmente.
(Isto non se aplica a un GIF animado
exportado).
Reprodución en Tux Paint
Para reproducir un diaporama dentro de Tux
Paint, prema no botón «Reproducir». (Nota: Se
non seleccionases NINGUNHA imaxe, entón TODAS
as súas imaxes gardadas reproduciranse no
diaporama.)
Durante a presentación de diapositivas, prema
[Espazo], [Intro] ou [Retorno] ou o [Frecha
cara á dereita] —ou prema no botón «Seguinte»—
na parte inferior esquerda para avanzar
manualmente á seguinte diapositiva. Prema
[Frecha cara arriba] para volver á diapositiva
anterior.
Prema [Escape] ou prema no botón «Atrás» na
parte inferior dereita para saír do diaporama e
volver á pantalla de selección de imaxes do
diaporama.
Exportar un GIF animado
Prema no botón «Exportar GIF» preto da parte
inferior dereita para que Tux Paint xere un
ficheiro GIF animado baseado nas imaxes
seleccionadas.
Nota: Hai que seleccionar polo menos dúas
imaxes. (Para exportar unha única imaxe, use a
opción «Exportar» no diálogo principal
«Abrir»). Se non hai ningunha imaxe
seleccionada, Tux Paint NON intentará xerar un
GIF baseado en todas as imaxes gardadas.
Ao premer [Escape] durante o proceso de
exportación abortarase e volverá ao diálogo
«Diaporama».
Prema en «Atrás» na pantalla de selección de imaxes de
diapositivas para volver ao diálogo «Abrir».
----------------------------------------------------------------------
Orde «Saír»
Ao premer no botón «Saír», pechando a xanela de Tux Paint ou
premendo a tecla [Escape] sairase de Tux Paint.
Primeiro preguntaráselle se realmente quere saír.
Se elixe saír e non gardou a imaxe actual, primeiro
preguntaráselle se quere gardala. Se non é unha nova imaxe,
preguntaráselle se quere gardar sobre a versión antiga ou
crear unha nova entrada. (Vexa «Gardar» máis arriba).
Nota: Se se garda a imaxe, volverá cargarse automaticamente
a próxima vez que execute Tux Paint, a non ser que estea
configurada a opción «startblank».
Nota: O botón «Saír» de Tux Paint e saír a través da tecla
[Escape] pode estar desactivado mediante a opción «noquit».
Nese caso, pódese usar o botón «pechar a xanela» na barra de
título de Tux Paint (se non está en modo pantalla completa)
ou a secuencia de teclas [Alt] + [F4] para saír.
Se ningún das dúas é posíbel, pódese usar a secuencia de
teclas [Maiúsculas] + [Control] + [Escape] para saír.
Vexa a documentación de «Opcións.
----------------------------------------------------------------------
Silenciar o son
Non hai ningún botón de control na pantalla neste momento,
pero ao usar a secuencia de teclado [Alt] + [S], os efectos
de son pódense desactivar e volver activar (silenciado e
sactivado) mentres o programa está en execución.
Teña en conta que se os sons están completamente
desactivados mediante a opción «nosound», a combinación de
teclas [Alt] + [S] non ten efecto. (é dicir, non se pode
usar para activar os sons cando o pai ou o profesor quere
que estean desactivados).
----------------------------------------------------------------------
Carga doutras imaxes en Tux Paint
O diálogo «Abrir» de Tux Paint só amosa as imaxes que creou con Tux
Paint. Entón, que facer se quere cargar algún outro debuxo ou incluso
unha fotografía en Tux Paint para poder editala ou debuxar sobre ela?
Pode simplemente converter a imaxe ao formato que usa Tux Paint PNG
(Portable Network Graphics Gráficos de Rede Portátiles) e colocala no
directorio/cartafol «saved» de Tux Paint. Aquí é onde se atopa (de xeito
predeterminado:
Windows 10, 8, 7, Vista
Dentro do cartafol «AppData» do usuario, p. : «C:\Users\nome de
usuario\AppData\Roaming\TuxPaint\saved\».
Windows 2000, XP
Dentro do cartafol «Application Data» do usuario, p. :
«C:\Documents and Settings\nome de usuario\Application
Data\TuxPaint\saved\».
macOS
Dentro do cartafol «Library» do usuario, p. : «/Users/nome de
usuario/Library/Application Support/Tux Paint/saved/».
Linux/Unix
Dentro dun directorio agochado «.tuxpaint», no seu directorio
persoal («$HOME»), p. ex.: «/home/nome de
usuario/.tuxpaint/saved/».
Nota: É tamén dende este cartafol dende onde pode copiar ou abrir imaxes
debuxadas en Tux Paint usando outras aplicacións, aínda que pode usar a
opción «Exportar» do diálogo «Abrir» de Tux Paint para copialas a unha
localización de acceso máis doado e seguro.
Uso do script de importación, «tuxpaint-import»
Os usuarios de Linux e Unix poden usar o script «tuxpaint-import» que
se instala ao instalar Tux Paint. Emprega algunhas ferramentas NetPBM
para converter a imaxe («anytopnm»), redimensionala de xeito que poida
caber no lenzo de Tux Paint («pnmscale») e convertela a PNG
(«pnmtopng»).
Tamén usa a orde «date» para obter a hora e a data actual, que é a
convención de nomes de ficheiros que usa Tux Paint para os ficheiros
gardados. (Lembre que nunca se lle pide un «nome de ficheiro» cando
vai gardar ou abrir imaxes.)
Para usar este script, abonda con executalo dende unha liña de ordes e
fornecerlle o nome do ficheiro que quere converter.
Converteranse e colocaranse no directorio de Tux Paint «saved». (Nota:
Se está a facer isto por un usuario diferente (por exemplo, o seu
fillo ou filla) terá que asegurarse de executar a orde na súa conta).
Exemplo:
$ tuxpaint-import avoa.jpg
avoa.jpg -> /home/username/.tuxpaint/saved/20210309212248.png
jpegtopnm: WRITING A PPM FILE
A primeira liña («tuxpaint-import avoa.jpg») é a orde a executar. As
dúas liñas seguintes son a saída do programa mentres funciona.
Agora pode cargar Tux Paint e unha versión desa imaxe orixinal estará
dispoñíbel no diálogo «Abrir». Só ten que premer dúas veces na súa
icona.
Importar imaxes manualmente
Os usuarios de Windows, macOS e Haiku que queiran importar imaxes
arbitrarias a Tux Paint deben facelo mediante un proceso manual.
Cargue un programa gráfico que sexa quen tanto de cargar a súa imaxe
como de gardar un ficheiro en formato PNG. (Vexa o ficheiro de
documentación «PNG.html» para obter unha lista do software suxerido e
outras referencias.)
Cando Tux Paint carga unha imaxe que non ten o mesmo tamaño que o seu
lenzo de debuxo, escala (e ás veces mancha os bordos) da imaxe para
que se axuste ao lenzo.
Para evitar que a imaxe se estire ou manche, pode redimensionala ao
tamaño do lenzo de Tux Paint. Este tamaño depende do tamaño da xanela
de Tux Paint ou da resolución coa que se executa Tux Paint, se está en
pantalla completa. (Nota: A resolución predeterminada é 800x600.) Vexa
«Cálculo das dimensións da imaxe», a continuación.
Gardar a imaxe en formato PNG. Recoméndase encarecidamente que nomee o
ficheiro usando a data e hora actuais, xa que esa é a convención que
usa Tux Paint:
AAAAMMDDhhmmss.png
* AAAA = Ano
* MM = Mes (dous díxitos, «01»-«12»)
* DD = Día do mes (dous díxitos, «01»-«31»)
* HH = Hora (dous díxitos, en formato 24 horas, «00»-«23»)
* mm = Minuto (dous díxitos, «00»-«59»)
* ss = Segundo (dous díxitos, «00»-«59»)
Exemplo: «20210731110500.png», para o 31 de xullo de 2021 ás 11:05am.
Coloque este ficheiro PNG no seu directorio/cartafol «saved» de Tux
Paint. (Ver arriba.)
Cálculo das dimensións da imaxe
É preciso reescribir esta parte da documentación xa que se engadiu a
nova opción «buttonsize». Polo de agora, tente debuxar e gardar unha
imaxe dentro de Tux Paint, logo determine o tamaño (largo e alto en
píxeles) que obtivo e tente igualar iso ao escalar a(s) imaxe(s) que
está a importar en Tux Paint.
----------------------------------------------------------------------
Máis información
Outra documentación incluída con Tux Paint (que se atopa no
cartafol/directorio «docs») inclúe:
* Documentación da ferramenta «Maxia» («magic-docs»)
Documentación para cada unha das ferramentas de «Maxia» instaladas
actualmente.
* AUTHORS.txt
Lista de autores e colaboradores.
* CHANGES.txt
Resumo do que cambiou entre as versións de Tux Paint.
* COPYING.txt
A licenza de software de Tux Paint, aLicenza Pública Xeral de GNU
(GPL)
* INSTALL.html
Instrucións para compilar e instalar Tux Paint, cando proceda.
* EXTENDING.html
Instrucións detalladas sobre a ampliación de Tux Paint: creación de
pinceis, selos, imaxes de inicio e modelos; engadir fontes; e crear
novos deseños de teclado en pantalla e métodos de entrada.
* OPTIONS.html
Instrucións detalladas sobre a liña de ordes e as opcións do
ficheiro de configuración para aqueles que non queiran usar a
ferramenta Tux Paint Config. para xestionar a configuración de Tux
Paint.
* PNG.html
Notas sobre a creación de imaxes de mapa de bits (ráster) en formato
PNG para usar en Tux Paint.
* SVG.html
Notas sobre a creación de imaxes vectoriais en formato SVG para usar
en Tux Paint.
* SIGNALS.html
Información sobre os sinais POSIX aos que responde Tux Paint.
----------------------------------------------------------------------
Como obter axuda
Se precisa axuda, hai moitas formas de interactuar cos desenvolvedores
de Tux Paint e outros usuarios.
* Informar dos erros ou solicitar novas funcións a través do sistema
de seguimento de erros do proxecto
* Participe nas distintas listas de correo do proxecto
* Converse con desenvolvedores e outros usuarios a través de IRC
* Ou póñase en contacto directamente cos desenvolvedores
Para obter máis información, visite a páxina «Contacto» do sitio web
oficial de Tux Paint: http://tuxpaint.org/contact/
----------------------------------------------------------------------
Como participar
Tux Paint é un proxecto impulsado por voluntarios e estamos encantados
de aceptar a súa axuda de diversas maneiras.
* Traducir Tux Paint a outro idioma
* Mellorar as traducións existentes
* Crear ilustracións (selos, imaxes de inicio, modelos, pinceis)
* Engadir ou mellorar funcións ou ferramentas máxicas
* Crear un currículo na aula
* Promover ou axudar a outras persoas a usar Tux Paint
Para obter máis información, visite a páxina «Colabora connosco» do
sitio web oficial de Tux Paint: http://tuxpaint.org/help/